No 2018 comezou un proxecto de colaboración entre axentes sociais no Pico Sacro

Resumo do novo proxecto posto en marcha no 2018 no que ACEFGA participa xunto con outras entidades e organismos, demostrando que a colaboración entre empresas, propietarios, xestores e ONGs é posible e a produción de riqueza no monte é compatible coa conservación da natureza.

Monte demostrativo do Pico Sacro

Este pasado ano comezou o proxecto de custodia das áreas de conservación do Monte Demostrativo do Pico Sacro, unha iniciativa da Asociación Forestal de Galicia financiada polo Grupo Inditex e na que colaboramos con FSC España.

O proxecto pretende servir de modelo e escola de silvicultura para o sector forestal galego, mostrando alternativas produtivas de alto valor engadido xunto cunha xestión forestal sustentable e compatible coa conservación da natureza.

No monte existen varias zonas non destinadas a un uso produtivo nas que a xestión recae sobre ACEFGA e nas cales estamos a executar actuacións como a colocación de caixas niño e refuxio para aves e morcegos, a plantación de árbores autóctonas ou a recuperación dun humidal para os anfibios e outros animais e plantas ameazadas.

Doutra banda, tamén realizamos, dentro do labor divulgativo do monte, obradoiros prácticos e xornadas de formación no monte para mostrar o traballo que se está levando a cabo, ademais de formar na xestión sustentable do monte e nas tarefas de restauración e conservación ambiental.

Comentarios cerrados, trackbacks y pingbacks abiertos.