O Monte Demostrativo do Pico Sacro é un proxecto inaugurado o 21 de marzo do 2018 con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques. Trátase dunha iniciativa que pretende servir de modelo e monte escola para o futuro da xestión forestal en Galicia, un caso práctico ao que poderán asistir persoas, axentes e institucións de todos os ámbitos relacionadas co sector forestal e do medio ambiente. Neste espazo levarán a cabo actividades e formación para mostrar como poñer en valor o monte galego, conservando á vez o patrimonio natural e xerando riqueza no medio rural.
Aquí ponse en práctica unha xestión forestal que aúna a produción de alto valor engadido coa aplicación da tecnoloxía e a investigación, todo iso empregando ademais a certificación forestal, facendo do monte unha fonte de riqueza económica, social e ambientalmente sostible.
Trátase pois de demostrar que existen alternativas produtivas no monte co uso de frondosas de alta calidade para a produción de froito e madeira, compatibilizando ademais a produción forestal coa conservación de hábitats e especies. É aquí onde entra ACEFGA, pois mediante un acordo de custodia coa Asociación Forestal de Galicia –entidade impulsora do proxecto e xestora do monte– establécense unha serie de enclaves de interese ambiental que serán conservados como Áreas de Reserva.
Nestes enclaves, repartidos por todo o monte, lévanse a cabo traballos de restauración e conservación ambiental a fin de protexer e mellorar os hábitats naturais presentes e a súa biodiversidade asociada, xerando ademais valor para o conxunto do monte, contribuíndo a reducir custos no seu papel de regulador natural de pragas e enfermidades e ofrecendo un valor engadido aos produtos finais ao cumprir os máis altos estándares de certificación forestal e RSC.
A plantación de especies autóctonas para a recuperación da cuberta vexetal orixinal, a colocación de caixas niño e refuxios de fauna, a recuperación e xeración de charcas e humidais ou a presenza activa de madeira morta en chan e en pé son algunhas das medidas que de forma pioneira ACEFGA está a levar a cabo na xestión do monte e as súas Áreas de Reserva.
O proxecto do Monte Demostrativo do Pico Sacro está impulsado pola Asociación Forestal de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a fundación EnergyLab, FSC® España e ACEFGA. Un proxecto que é posible grazas á financiación e o compromiso do Grupo Inditex.