Que facemos

En ACEFGA cremos na conservación activa máis que nas reivindicacións, poñémonos a traballar desde o primeiro momento para conservar e protexer a natureza. A nosa actividade céntrase en proxectos de actuación directa sobre o medio para protexer os bosques de Galicia, a través da xestión ambiental do territorio e mediante accións concretas de conservación e restauración ambiental. Empregamos a custodia do territorio e optamos por colaborar e traballar conxuntamente coas Administracións Públicas e os sectores produtivos para alcanzar un desenvolvemento sustentable e compatibilizar a actividade económica coa preservación de hábitats e especies.

A CUSTODIA DO TERRITORIO

A custodia é unha ferramenta que implica directamente á sociedade na conservación da natureza. Os propietarios poden xestionar o espazo para protexelo e manter os seus valores naturais, a través de acordos con entidades de custodia que lles axudan na xestión; ou ben estas entidades poden ser as xestoras e as propietarias dos terreos mediante a súa adquisición.

A custodia do territorio nace nos Estados Unidos en 1890 e ten unha longa traxectoria de éxito en moitos lugares do mundo. En España e en Galicia está nunha etapa de expansión incipiente e para moitos é aínda unha novidade descoñecida, pois tradicionalmente era exclusividade das Administracións Públicas a xestión do medio ambiente e os espazos protexidos. Aos poucos as iniciativas de custodia e de conservación privada vanse abrindo camiño e demostran a súa eficacia á hora de protexer a natureza.

Áreas de Conservación

Os terreos privados custodiados por ACEFGA intégranse na nosa propia rede de Áreas de Conservación, espazos destinados á protección dos hábitats e as especies e á restauración ambiental dos bosques. A xestión privada asegura a protección efectiva destes lugares e permítenos regular os usos aos que se someten. Ademais, podemos controlar todas as actuacións e traballos de conservación e restauración que se leven a cabo, empregando criterios científico-técnicos e aplicando uns niveis de esixencia en calidade ambiental superiores aos que a Administración Pública esixe, como a utilización de planta forestal de procedencia xenética local.

Nestes lugares non se realizan actividades extractivas e só se permite o acceso peonil, empregando para iso os camiños sinalizados. O tránsito de vehículos motorizados e bicicletas así como a entrada de animais domésticos está restrinxido para evitar impactos, danos ou molestias –como o ruído, a contaminación, o atropelo de fauna silvestre ou a introdución de enfermidades e especies exóticas–.

Os terreos públicos en convenio ou acordo de custodia coa Administración tamén forman parte da rede de Áreas de Conservación da Asociación. Mediante a xestión conxunta ou cedida dos mesmos, preténdese a conservación dos valores naturais presentes e a execución de traballos de conservación en caso de detectarse ameazas ou alteracións nos hábitats.

Conservación e restauración

No caso de adquirir unha parcela, pechar un acordo de custodia ou solicitar autorización para actuar en zonas de dominio público, entra en xogo a xestión ambiental. Isto implica unha serie de directrices, medidas e actuacións que se levan adiante seguindo un proxecto ou plan de xestión.

Cando a superficie para xestionar está ocupada por un ecosistema establecido ou maduro, levamos a cabo unha política de non intervención, é dicir, permitimos á natureza desenvolverse segundo a súa dinámica, sen alterar os procesos naturais ou a estrutura e función do ecosistema. Limitámonos a realizar o seguimento e vixilancia do espazo, asegurarnos de manter os valores ambientais presentes e realizar tan só actividades ou accións divulgativas, de investigación ou de educación ambiental.

O máis habitual é que o espazo se atope degradado ou sufra alteracións e impactos negativos, neste caso, poñémonos a traballar para liquidar a situación e devolver o terreo a unha situación o máis próxima posible ao seu estado natural. Para iso realizamos actuacións de mellora e restauración ambiental, que van desde a retirada de residuos e lixos, o control e a eliminación de especies exóticas invasoras ou a plantación de especies autóctonas para recuperar o ecosistema.

INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN

Coñecer o patrimonio natural é o mellor xeito de conservalo, para iso ACEFGA promove a investigación científica dos hábitats e as especies de elevado interese ambiental. Entender e coñecer máis sobre a estrutura dos nosos bosques, a súa dinámica natural ou a distribución espacial das especies vexetais é fundamental á hora de tomar decisións e planificar a súa xestión e restauración.

Durante o desenvolvemento dos nosos proxectos, realizamos probas e técnicas experimentais de enxeñería ambiental, diferentes métodos de eliminar flora exótica invasora ou novas maneiras de revexetar o terreo. Tratamos de innovar e descubrir cales son as formas máis eficaces entre as que utilizamos. Tentamos mellorar día a día e alcanzar os máximos resultados co mínimo investimento en tempo, diñeiro e recursos humanos, o que redunda nun uso máis eficiente dos recursos de que dispoñemos e unhas actuacións máis eficaces á hora de conservar e restaurar os ecosistemas naturais.

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA E EDUCACIÓN AMBIENTAL

Desde ACEFGA, tratamos de divulgar e dar a coñecer á sociedade o rico patrimonio natural de Galicia, ademais de concienciar sobre o delicado estado de conservación que sofren certas especies e hábitats e a necesidade de conservalos.

Impulsamos iniciativas de divulgación en colaboración coa comunidade científica e outras entidades, facendo chegar ao público xeral parte da investigación elaborada no contexto académico, favorecendo a transferencia de coñecemento fronte ao baleiro existente entre o ámbito científico e a sociedade civil, baixo a premisa de que non podemos conservar nin valorar aquilo que non coñecemos.

Desenvolvemos actividades na natureza, en especial cos máis novos, para que descubran a riqueza natural da súa contorna local máis próxima, facéndolles partícipes e responsables do seu coidado.