Situación actual

Os bosques atlánticos termófilos ocupan áreas costeiras do piso colino, que son as zonas máis propicias para os asentamentos humanos debido ao seu fácil acceso, a súa elevada produtividade agrícola e o seu clima benigno. No caso dos bosques atlánticos de montaña, a pesar de estar en zonas máis hostís para as persoas, foron roturados e eliminados de grandes zonas para a obtención de pastos, aproveitados para a obtención de leñas primeiro e carbón vexetal despois, ademais doutros aproveitamentos madeireiros.

Todo iso, sumado á temperá colonización de Europa por parte do ser humano, máis intensa nas zonas costeiras, é a principal causa do elevado proceso deforestador ao que se viron sometidos os bosques atlánticos europeos desde o Neolítico. A superficie ocupada por bosques de forma natural en Galicia e gran parte da Europa Atlántica debía rozar o 100%, na actualidade esa porcentaxe é moi inferior.

Isto provocou que este tipo de bosque sexa un dos máis escasos e ameazados do mundo, quedando relegado a zonas de difícil acceso ou áreas improductivas desde o punto de vista humano, como barrancos e canóns fluviais, roquedos e ladeiras pedregosas ou áreas pantanosas, zonas inundables e ribeiras fluviais, ademais de áreas de montaña illadas ou con escasa poboación humana.

Coa chegada da revolución industrial e os avances tecnolóxicos, reducíronse algunhas presións sobre os bosques; o uso de leñas e carbón vexetal viuse reducido ata case desaparecer, e a intensificación da agricultura, sumada ao éxodo rural ás zonas urbanas, fixo que a demanda de superficie cultivable diminuíse considerablemente. Todo isto permitiu que grandes extensións de territorio fosen abandonadas e progresivamente recuperadas pola vexetación leñosa, aumentando considerablemente a masa forestal no continente europeo.

Con todo, os novos tempos trouxeron consigo novas ameazas, a industrialización da explotación forestal produciu a entrada de especies exóticas de rápido crecemento, fundamentalmente os piñeiros e eucaliptos, que se foron estendendo sobre enormes superficies de monte mediante plantacións forestais, en moitos casos sobre terreos abandonados ou en desuso, pero noutros moitos mediante a substitución da cobertura forestal previa de bosque autóctono, fundamentalmente en zonas costeiras.

Este proceso histórico de incidencia humana sobre o territorio, ademais da constante dos incendios forestais, que nunca deixaron de estar presentes en Galicia desde o Neolítico, así como as novas ameazas de crecente presión urbanística nas contornas máis poboadas ou a expansión de especies exóticas –sobre todo animais e plantas, pero tamén pragas de fungos e outros organismos– terminou configurando o contexto actual e a situación presente dos nosos bosques.

En definitiva, atopámonos coa total ausencia de bosques primarios, aqueles bosques que nunca sufriron alteracións significativas por parte da actividade humana; cunha estrutura moi complexa, grandes e vellas árbores, unha gran cantidade de madeira morta e unha biodiversidade rica e variada. O que resta son bosques secundarios, polo xeral moi fragmentados e de escasa superficie, con ausencia de bosques vellos, predominancia de bosques novos ou de expansión recente, ademais de extincións locais ou rexionais de especies antes presentes.

Como consecuencia, os poucos redutos de bosque natural ben conservado que persisten son de gran valor patrimonial, ambiental, social e económico. Son a última representación do patrimonio natural propio, sistemas naturais que axudan a regular os procesos e ciclos da nosa contorna, asegurando a nosa supervivencia e calidade de vida, ofrecéndonos un valor incalculable que temos a responsabilidade de protexer e mellorar.