A rede de Áreas de Conservación é a punta de lanza dos nosos proxectos ambientais. Grazas a estas áreas podemos protexer parcelas de monte ocupadas por bosques autóctonos e hábitats de interese, ademais de levar a cabo a restauración ambiental de zonas degradadas. Na actualidade xestionamos parcelas no canón fluvial do río Mandeo, pertencente á zona núcleo da ‘Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo’ e na conca alta do Eume, dentro do Parque Natural Fragas do Eume.
Das máis de 2 hectáreas de superficie custodiada, aproximadamente a metade son bosques naturais en bo estado de conservación, a superficie restante son áreas degradadas, fundamentalmente plantacións de eucaliptos, que están a ser restauradas para recuperar o bosque nativo coa plantación de especies autóctonas.