Viveiro forestal

En ACEFGA levamos a cabo plantacións de árbores e outras plantas autóctonas para restaurar áreas degradadas ou reforestar antigas zonas de bosques nativos. Para iso, producimos a nosa propia planta forestal, asegurando a calidade e procedencia xenética local das nosas árbores, recollendo sementes de especies nativas nas zonas onde levamos a cabo os traballos.

CONSERVANDO O PATRIMONIO XENÉTICO

Un dos alicerces da conservación da natureza é a protección do patrimonio xenético. De maneira constante, a interacción local entre factores do medio e as relacións entre os seres vivos provocan a selección de conxuntos de seres vivos que mostran diferenzas xenéticas máis ou menos grandes, ás veces únicas, ao longo das súas áreas de distribución. Estas diferenciacións locais son a base da especiación e deben de ser mantidas para favorecer a capacidade de resistencia das especies ante futuros cambios da súa contorna. Por outra banda, ao longo da súa historia o ser humano favoreceu a expansión de determinados conxuntos de seres vivos –plantas e animais domésticos, especies de interese forestal ou ornamental, agrícola, etc.– caracterizados pola súa escasa variabilidade xenética, expoñéndoos a pragas e enfermidades de xeito reiterado e contribuíndo a homoxeneizar a variabilidade xenética natural das poboacións. Por estas razóns, nos nosos proxectos traballamos con plantas que obtemos en cada zona concreta de actuación, tratando de manter as peculiaridades xenéticas de cada territorio.

Os viveiros comerciais non ofrecen un stock de plantas autóctonas tan completo; no mellor dos casos, contan cun par de procedencias dentro do territorio galego, pero non a nivel local. Por iso, optamos por desenvolver un viveiro propio, traballando baixo demanda dos nosos proxectos, controlando a calidade e a procedencia das plantas desde a recollida das sementes, pasando polo cultivo, ata a plantación no monte. Ademais, a produción propia ofrécenos unha vantaxe económica moi substancial fronte á compra de árbores en viveiros convencionais, abaratando os custos de execución dos proxectos.