Conservamos a biodiversidade do bosque atlántico

Aproveitando a estiaxe de final de verán, comezamos os traballos de construción dun sistema de charcas permanentes nunha das Áreas de Conservación xestionadas por ACEFGA no Mandeo.

Co obxectivo de crear un punto de reprodución seguro para os anfibios da zona, este espazo húmido servirá para outras moitas especies animais e vexetais da zona, mellorando a calidade e diversidade do hábitat dispoñible.


Estes traballos de conservación enmárcanse dentro dun proxecto global de restauración ambiental, que pretende transformar unha antiga plantación forestal de eucaliptos nun bosque autóctono.

Na zona máis baixa desta parcela xorden as cristalinas augas subterráneas dun manancial, que encharcan o terreo converténdoo nun bulleiral con vexetación acuática. É aquí, onde aproveitando a pendente do terreo, creamos unha rede graduada de charcas de diverso tamaño. A cobertura vexetal atópase totalmente alterada tras o uso desta parcela como plantación forestal, de modo que pretendemos recuperar o hábitat propio destas condicións, un bosque húmido ou pantanoso dominado por salgueiros e alisos, atravesado por un pequeno rego ou curso de auga e salpicado de pequenas charcas e pozas permanentes.

Levamos a cabo as actuacións con ferramentas manuais e un baixo impacto sobre o medio, tras finalizar a construción de cada charca realízase unha revegetación primaria do terreo con especies herbáceas autóctonas, propias de medios húmidos da zona, que axudan a suxeitar o terreo e á posterior colonización de plantas e animais. Nunha segunda fase repoboarase con árbores autóctonas a contorna das charcas.


Este tipo de lugares é fundamental para a reprodución e supervivencia dun grupo moi especial e ameazado de animais, os anfibios, que son especialmente abundantes e diversos nos bosques do Mandeo, onde se atopan especies endémicas e ameazadas.

A configuración topográfica do canón do río Mandeo, con pendentes elevadas e afloramientos rochosos, é escasa en zonas chairas ou terrazas nas que poidan aparecer charcas ou onde a auga poida estancarse, facendo que moitos anfibios recorran a cunetas de camiños ou roderas de vehículos en pistas forestais para reproducirse. Tritones, píntegas, sapos ou ras utilizan estes emprazamentos, sumamente vulnerables á destrución repentina pola súa situación.

En definitiva trátase de crear un bosque coas condicións máis próximas ao seu estado natural, que ademais poida soster microhábitats seguros e protexidos para todas as especies que o habitan.

levará a cabo un seguimento e inventario posterior das especies de fauna e flora que aparecen nas charcas, fundamentalmente de anfibios, valorando así o uso que estes fan das mesmas.

Comentarios cerrados, trackbacks y pingbacks abiertos.